Tuesday 14 de May de 2024

Vázquez salienta a capacidade da iniciativa privada por xerar emprego verde e conseguir que miles de toneladas de residuos se convertan en novas materias primas


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visita as instalacións de Sogapol, unha empresa 100% galega que se dedica a recuperar os plásticos que chegan a Sogama no contedor verde polo seu depósito na bolsa negra
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor a capacidade do tecido empresarial de Galicia por xerar emprego e conseguir que miles de toneladas de residuos sexan recuperados, para convertelos nunha nova materia prima, é dicir, poñer en práctica a economía circular.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá as instalacións da empresa Sogapol, do Grupo Valtalia, unha empresa 100% galega que centra a súa actividade produtiva en recuperar os refugallos plásticos que recibe Sogama a través do contedor verde na bolsa negra, aqueles que non son correctamente separados en orixe polos cidadáns e que Sogama separa da bolsa negra, de fracción resto.

Tal e como coñeceu a conselleira durante a visita a esta nova planta en Cerceda, de máis de 9.000 metros cadrados, esta empresa ten unha capacidade de valorización de plásticos dende as 18.000 toneladas ata as 65.000 toneladas anuais, máis que o total das toneladas de residuo plástico flexible que se xeran en toda Galicia e chegando a converterse na primeira empresa española en capacidade de reciclaxe de plástico.

Neste sentido, o director xeral de Sogapol, Javier González, explicou que este tipo de material, sexa de orixe domiciliario ou agrícola, supón un desafío medioambiental debido á dificultade que ten a súa reciclaxe, motivo polo que salientou que esta planta industrial é o resultado de 10 anos de traballo, deseñando unha “tecnoloxía propia” para poder ofrecer un “coñecemento avanzado e ao máis alto nivel europeo” no tratamento destes residuos plásticos.

Na mesma liña, a conselleira sinalou que grazas á actividade de empresas como Sogapol, que ademais dan traballo directo a 870 persoas, Galicia sitúase á vangarda na valorización de materiais plásticos, recuperando plásticos de difícil tratamento para lograr segundos usos dos mesmos como novos produtos con alta calidade e incluso xerando valor co filme de postconsumo, o que non se adoita facer a nivel industrial no mundo.

A conselleira tamén destacou outro valor desta empresa, pois a súa proximidade co Complexo medio ambiental de Sogama evita a produción de CO2 que implicaría o traslado destes residuos a outro punto de Galicia.

50 toneladas de residuos sanitarios
A conselleira de Medio Ambiente avanzou que Sogama deixará progresivamente de tratar os residuos sanitarios (fundamentalmente buzos, máscaras, luvas e asimilables), pois o ritmo de produción dos mesmos acadou o seu punto máis álxido semanas atrás e, actualmente, estase reducindo de forma progresiva. Dende o inicio do seu funcionamento xa tratou máis de 50 toneladas de refugallos sanitarios nesta nova planta.

Cómpre lembrar que no mes de abril Sogama decidiu encargarse do tratamento de residuos sanitarios de baixo risco durante a pandemia do COVID-19, polo que se habilitou unha planta provisional de pretratamento de residuos sanitarios na que se trituran os mesmos e se acondicionan para a súa valorización enerxética a 850º C na planta termoeléctrica de SOGAMA.

Aclarou que a previsión indica que estas instalacións xa non son necesarias para o tratamento dos residuos sanitarios galegos, nun prazo de 15 días se iniciará o seu desmantelamento; pero conservando a estrutura e a liña de conexión coa planta termoeléctrica de Sogama, por se fose necesario reactivala de forma áxil nalgún momento.